A píllara, símbolo a prol do medio ambiente en Carballo

A píllara é unha das especies de aves máis representativas do complexo dunar e natural de Razo-Baldaio e unha das máis ameazadas. Por iso tamén será o símbolo da campaña "Eu ❤️ Razo-Baldaio" na forma dunha fermosa escultura que estará durante todo o verán situada na Explanada de Razo. 

Está feita cunha estrutura de ferro realizada polo artesán carballés Fabián Lage e cunha cuberta de vimbio realizada nun dos talleres de "Eu ❤️ Razo-Baldaio" e impartido pola creadora téxtil e artesá cesteira Idoia Cuesta. Numerosas veciñas e veciños, dende nenos a adultos e persoas máis maiores, teñen contribuído a través do obradoiro á creación desta peza que tamén será un colector no que depositar os plásticos da praia.

Tanto Lage coma Cuesta, que ademais de artesá é bióloga, destacan a relevancia de “concienciar á xente sobre a importancia de recoller o lixo”, en verbas do artesán. A súa compañeira de proxecto subliña, así mesmo, o traballo colaborativo que se levou a cabo, e aproveita para reivindicar “a protección do ecosistema dunar e toda a contorna do litoral”. A píllara vai contribuír a ese obxectivo, porque ademais dunha escultura fantástica é un "colector" de plástico, que xa empezou a encherse de lixos.

f_ turismocarballo.com

.