A Galicia festivaleira suma e segue co Atlantic Fest

Trala celebración do PortAmerica e do Resurrection Fest durante a pasada fin de semana, tocou presentar a nova edición do Atlantic Fest que se celebrará os vindeiros días  26, 27 e 28 de xullo na Illa de Arousa. 

Unha cita que ten como grandes atractivos os concertos de Love of Lesbian e Los Planetas, que pasarán polo escenario acompañados de grupos como Dorian, Marlos Williams, Nacho Vegas, Cupido...

E que ademais este ano reforza a súa campaña de concienciación polo medio ambiente "xa que este ano pretendemos remover as conciencias nas loitas contra os plásticos porque se seguimos así no ano 2050 vai haber máis plásticos que peixes". Así o sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na presentación do festival no faro de Punta de Cabalo, na que tamén participou a deputada provincial Ana Laura Iglesias, o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, así como representantes do Agadic, da organización do festival e das marcas patrocinadoras do evento. "Estaremos presentes no festival loitando contra o dano que lle facemos ao medio ambiente", insistiu Silva.

Máis polo miúdo, a presidenta incidiu na importancia que teñen eventos coma este "porque a música ten un poder fundamental para atraer riqueza, para atraer atención sobre o territorio, para promover a cultura e talento musical e tamén para fortalecer a industria musical unha das industrias máis potentes e con máis potencialidade de futuro" e, ademais, engadiu que "os festivais producen unha gran felicidade porque hai un ambiente marabilloso e porque os lugares onde se desenvolven tamén o son". 

Pola súa banda, o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, agradeceu a axuda das institucións e das empresas privadas por facer posible que un evento tan importante teña lugar na vila "son unhas datas que acollemos con moito cariño e nas que cada ano temos máis éxito" e engadiu "o retorno socioeconómico que nos traslada ao noso pobo é enorme".