A Festa Gastronómica de Rianxo toma o relevo da Festa da Xouba

Entre o 25 e 28 de xullo celébrase a Festa Gastronómica de Rianxo, que toma o relevo da Festa da Xouba ante a escaseza deste peixe que é o produto estrela nesta localidade da Ría de Arousa. Non é para menos, segundo o alcalde Adolfo Muíños “son diferentes en sabor e textura, teñen a carne branda e moi saborosa, non se lles nota a espiña, desfanse na boca, un manxar incomparable”.

Así que nesta ocasión ábrese o abano a outros produtos do mar que tamén teñen pedigrí nas terras rianxeiras, caso de zamburiñas, navallas, ameixas e outros froitos do mar de Arousa, e se para esas datas hai en lonxa a xouba terá protagonismo cun día específico.

Organizada pola Asociación Rianxeira de Empresarios en colaboración co Concello, a Festa Gastronómica de Rianxo ten por obxectivo exaltar a súa despensa costeira e visualizar a localidade como un dos destinos turísticos de referencia nas terras do Barbanza, cuna de Castelao e outros ilustres persoeiros.

E da gastronomía á tradición relixiosa hai pouco máis dun mes de diferencia, pois en setembro Rianxo volve a engalanarse para celebrar as Festas da Guadalupe, as que honran a Virxe moreniña. Festas de Interese Turístico de Galicia e de tradición centenaria, arrancan o primeiro domingo do mes.

Unha semana de festa para vivir Rianxo e gozar a súa gastronomía incomparable, da procesión marítima pola Ría, do Feirón Mariñeiro e como non das verbenas e do “ramo” da Rianxeira, cantada popularmente a capela nun impresionante espectáculo cheo de emoción e sentimento.