
A Oficina, situada no edificio municipal de Alfonso XIII, permanecerá aberta de 10 a 14 horas, durante os vindeiros días para atender as propostas das persoas que participen na Feira.
Nesta edición da festa, o Consello Aberto da Feira Franca decidiu aproveitar o aniversario dos 20 anos desta emblemática cita na cidade, para elixir como temática a propia Feira Franca. Con esta decisión preténdese homenaxear a todos os participantes (asociacións, entidades, clubs, particulares, hostalería...) que durante estes 20 anos converteron a Feira Franca unha das citas máis significativas do verán galego.
De feito, moitas das persoas que estes días se achegaron ao edificio de Alfonso XIII preguntaron por esta celebración e comentaron a intención de recuperar decoracións de anos pasados. O Concello de Pontevedra tamén recuperará elementos, espectáculos e actividades que se foron realizando durante a traxectoria da Feira Franca, e así contribuír a esta homenaxe ás persoas que participan activamente para que a cidade volva á Idade Media durante unha xornada e media no mes de setembro.