
Só o Arde Lucus e as Festas de San Froilán de Lugo teñen este galardón, sendo a Feira do Bonito de Burela a terceira en conseguilo na provincia.
Facendo honra á súa condición de porto líder na captura do bonito do Norte, os veciños de Burela e os miles de visitantes que recibe na datas de verán gozan desta xornada gastronómica ao redor do seu peixe preferido.
A degustación, amenizada pola música de gaitas, ten lugar nunha carpa instalada no peirao o primeiro fin de semana de agosto, onde as racións de bonito preséntanse de distintos modos: en empanada, cocido, asado á grella...
A Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia é a encargada da organización desta festa que acaba pola noite con bos concertos de música. Paralelamente á festa gastronómica, nos últimos anos ten lugar na nave de redes a mostra Produart, organizada pola Fundación Expomar, de produtos ecolóxicos e artesáns, e celébranse mesas redondas, proxeccións e exposicións sobre temas ambientais e ecolóxicos.