A Deputación de Pontevedra fixa os seus retos turísticos para a presente lexislatura

A Deputación de Pontevedra fixouse catro grandes retos turísticos para a presente lexislatura: un modelo sostible; o posicionamento do destino en base aos valores de marca (sustentabilidade, autenticidade, excelencia, atemporalidade e internacionalidade); o compromiso coa excelencia e a Implantación dunha xestión intelixente.

Así o anunciou a presidenta do organismo, Carmela Silva, no marco dunha reunión cos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, na que trasladou o seu "proxecto para seguir a transformar a provincia nestes catro anos". 

No que ao ámeto turístico respecta, Silva tamén adiantou que se ampliará a rede de oficinas de Rías Baixas e haberá novas liñas de colaboración cos concellos adheridos á rede de oficinas da DEPO no eido da innovación convertendo estas oficinas municipais en espazos modernizados con TIC,s. 

Tamén na elaboración de materiais promocionais e actualización da información "e a través de Tourist Inside Rías Baixas instalaremos tótems multimedia en enclaves turísticos para obter información acerca do perfil das persoas visitantes". "Tamén, dixo Silva, ampliaremos a web de Turismo Rías Baixas creando espazos de información e promoción turística dos concellos, e desde a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes trasladaremos a todos os concellos asesoramento para ser un territorio intelixente a nivel turístico. 

Desenvolveremos as campañas de sostibilidade turística cos concellos que desexen adherirse e impulsaremos un acordo municipal de fomento do turismo ambientalmente responsable". A presidenta confirmou que seguirá a colaboración cos pequenos concellos na obtención da Q de calidade e tamén reforzarase o papel dos concellos na Mesa Provincial do Turismo. "Impulsaremos tamén o programa de emprendemento Turistic, dixo Silva, e no marco da Mesa do Camiño traballaremos nun informe de situación dos Camiños que transcorren pola provincia para garantir a súa seguridade e accesibilidade de cara ao Xacobeo 2021".