A Casa-Torre da Tinería vaise rehabilitar para o turismo enogastronómico

A Xunta de Galicia rehabilitará a Casa-Torre, no barrio lucense da Tinería, para convertela nun espazo vinculado ao turismo enogastronómico. Así o anunciaron esta mañá nunha visita ao inmoble o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. 

Segundo explicou o titular de Cultura e Turismo, esta edificación, coñecida tamén como o antigo hospital de San Miguel e propiedade da Administración autonómica, pasará a ser un centro de promoción turístico e gastronómico de toda a provincia de Lugo. Román Rodríguez puntualizou que, tras a súa restauración, o inmoble será cedido á Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo, que instalará nel as súas dependencias administrativas, o que traerá consigo “un importante aforro de recursos para a entidade”. 

Ademais, o edificio contará con aulas multiusos para a formación e a realización de actividades e disporá dun punto de información para os visitantes centrado na gastronomía e o turismo lucense. O titular de Cultura e Turismo sinalou que esta actuación suporá tamén a “rehabilitación dun inmoble senlleiro, dos máis antigos de Lugo”, que pertence a unha tipoloxía hoxe extinta, a Casa-Torre, de orixe tardomedieval. 

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou que será o Instituto Galego da Vivenda e Solo o que este verán licitará a redacción do proxecto de rehabilitación da Casa-Torre co obxectivo de dinamizar o Barrio da Tinería. 

Recordou que a Xunta tamén acompaña este futuro proxecto coas obras de urbanización da UI-8, coa que se creará unha praza que dará acceso público ao Pazo de Dona Urraca –cuxo proxecto de rehabilitación xa está encargado–, xa que actualmente non está conectado coas rúas da contorna. 

O conselleiro de Cultura e Turismo subliñou que esta actuación servirá para “dignificar o noso patrimonio e promocionar o turismo e a gastronomía da provincia”. Precisamente, Román Rodríguez salientou o bo comportamento da demanda turística na provincia de Lugo no que levamos de ano. 

Neste sentido, destacou que ata maio o número de viaxeiros creceu un 5% con respecto ao mesmo período de 2018, mentres que o número de pernoitas rexistrou unha alza do 7,2%. “Estas cifras demostran que Lugo se consolida como un destino singular no que a gastronomía ten un papel protagonista”, concretou.