Volven aqueles "maravillosos 50's" en Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade promociona o destino coa Feira de Cuspedriños, recreación da feira de gando que se celebraba neste lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos, a medio camiño entre a citada e Carballedo. Celébrase o primeiro domingo de xuño, día 2, nesta súa XIII edición.

Trátase da recreación daquela feira de gando que deixou de celebrarse en 1968 e que era a feira rural máis importante da comarca e un dos focos comerciais máis importantes da zona. Foi recuperada con carácter anual, nunha xornada costumbrista para a que hai que desempolvar as vestimentas dos avós e gozar a tope do momento.

Miles de persoas, e en aumento en cada edición, acuden a Cuspedriños nun regreso aos anos 50-60 do pasado século para vivir un día inesquecible, con artesáns, postos de comida para a ocasión, animación da época, cantos, coches antigos…

Aínda que inicialmente esta feira era de gando na actualidade trátase de exaltar os produtos artesanais e a gastronomía. Dentro deste marco, cóidase a estética dos materiais e a ambientación da feira. O gando e a agricultura seguen estando presentes na recreación, coas exposicións de razas autóctonas no entorno do curro, e os postos repartidos polos pendellos, o antigo mercado, a carballeira e a contorna da capela da Virxe do Carmen.

A Feira de Cuspedriños combina valores culturais, etnográficos e turísticos mediante a recuperación da feira tradicional sen esquecer a parte lúdica con actividades e animación ao longo de toda a xornada festiva.

Entre os numerosos atractivos desta feira atópanse produtos tradicionais dispoñibles á venda para todo aquel que estea interesado: froitas, pan, marmelo, queixo, o popular requeixo da Corredoira, embutidos, as típicas ‘filloas’ de Valongo, mel, zocos, roupa, ferraxería, todo ao máis puro estilo tradicional das feiras galegas de outrora. Todo iso amenizado con cantigas de cego, titiriteiros, gaiteiros e mesmo coa presenzado afiador e dun fotógrafo da época.