Vinte e unha adegas participan Feira do Viño de Valdeorras

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, e o alcalde de O Barco, Alfredo García, presentaron a A XXII edición da Feira do Viño de Valdeorras que celebrarase na praza barquense de Viloira os vindeiros 13 e 14 de xullo coa participación de 21 adegas (unha máis que en 2018).

García Pando quixo agradecer moi especialmente a implicación das adegas na feira. “A súa participación é fundamental para que sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños”.

O acto inaugural terá lugar o sábado 13 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. Como é habitual, a feira contará cun programa completo de eventos paralelos. 

Ao igual que en anos anteriores, con anterioridade á feira celebrarase na sede do Consello Regulador unha cata profesional, na que participan 14 adegas, e o domingo entregaranse os premios aos viños gañadores deste certame oficial. 

Por outra banda, García Pando salientou que o organismo que preside multiplicou por dous o número de actos promocionais dos viños amparados no último ano. “Á presenza nas feiras de Londres ou Burdeos, cómpre sumar os eventos e túneles do viño realizados en cidades tan diversas como Santander, San Sebastián, Xixón, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol ou Madrid”, 

Iniciativas promocionais de índole tradicional que que o Consello Regulador completou con outras máis innovadoras "coma o respaldo que outorgamos ao SilFest; a viaxe organizada para un grupo de xornalistas especializadas en viño e bloggers ou o patrocinio da actividade Valdeorras: denominación de cine, que posibilitará promocionar potencial vitivinícola da comarca grazas á posta en marcha dun concurso de curtametraxes”, sinalou o presidente. 

Ademais, “a partir do vindeiro luns articularemos unha campaña promocional dos nosos viños en traseiras dos buses urbanos de Vigo e tamén nos interurbanos que conectan a cidade olívica con Madrid”, engadiu.