Todo preparado para a Rapa das Bestas de Sabucedo

Este mércores presentouse en Pontevedra a nova edición da Rapa das Bestas, unha das cinco Festas de Interese Turístico Internacional nas Rías Baixas e o evento que abre a tempada festiva grande na provincia de Pontevedra entre o 5 e o 8 de Xullo

Santos Héctor, deputado provincial da Deputación exerceu como anfitrión da presentación, asegurando que a rapa é "unha celebración extraordinaria, un espectáculo multitudinario de enorme forza visual no que os aloitadores e aloitadoras bátense corpo a corpo coas bestas para cortarlle as crinas",destacando que "contribúe a poñer á provincia de Pontevedra no mapa das grandes festas de Europa".

O responsable de Turismo recoñeceu o traballo da organización todo o ano "para que as greas (ou mandas) poidan estar nos tres curros", recoñecendo a Sabucedo como"unha zona de grandísima beleza, cunha poboación hospitalaria que reflexa á perfección o carácter acolledor da provincia de Pontevedra".

Pola súa banda, o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Henrique Bazal, debullou un programa que arrincará o venres 5 de xullo coa misa na honra a San Lourenzo e a subida ao monte, onde se xuntan as distintas greas. As bestas son baixadas ao pobo e celébranse tres curros: o sábado (ás 19 horas), o domingo (12 h) e o luns (12 h). Este ano a organización espera reunir 350 bestas para os curros. Bazal lembrou que o curro do luns ten carácter solidario. Parte da recadación será entregada ao Banco de Alimentos.

O curro é a parte máis espectacular da Rapa, pero as festas inclúen unha ampla axenda de actos culturais e de lecer para todos os públicos. A principal é o Festival Rapasons, que terá lugar entre a noite do venres e o mediodía do luns. Este ano conta cunha ducia de actuacións.