Showroom en Xixón da D.O. Valdeorras

Un total de 15 adegas amparadas baixo o selo do CRDO Valdeorras participaron nun acto promocional que o organismo regulador promoviu na cidade de Xixón, en concreto nas instalacións do Hotel Abba. 

O presidente da D.O., José Luis García Pando, destaca que este túnel do viño pretende achegar “os valores diferenciais dos viños da comarca ao público asturiano”. 

Dentro da “forte aposta” que o territorio amparado está a acometer en termos de promoción, García Pando resalta que o norte de España “xoga un papel fundamental” pois é un dos ámbitos xeográficos do Estado onde máis presenza teñen os viños valdeorreses “e cómpre consolidala”. 

No showroom de Xixón participaron as adegas A Coroa, Godeval, Melillas e Fillos, O Casal, Roandi, Ruchel, Alán de Val, Joaquín Rebolledo, Cooperativa Jesús Nazareno, Guitián y Blanco, Hacienda Ucediños, O Luar do Sil, Quinta da Peza, Sampayolo e Terriña. 

O acto de Xixón únese aos realizados no que vai de ano en cidades como Madrid ou Santander. E proximamente, tamén se realizarán degustacións e exhibicións de viños da comarca noutras cidades como Santiago de Compostela ou Barcelona.