Salimat, showcookings e moito máis

O 23º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que se celebrará xunto coa 42ª feira Abanca Semana Verde de Galicia do 6 ao 9 de xuño, acollerá todos os días numerosas actividades no seu espazo “Showcooking Bar”. 

Entre as sesións máis destacadas estarán os showcookings realizados por oito destacados chefs galegos pertencentes a catro asociacións. Así, haberá tres conducidas por cociñeiros do Grupo Nove, entidade que aposta por unha cociña contemporánea en base á excelente despensa que ofrecen a terra e o mar de Galicia. O venres días 7 de xuño será a quenda de Yayo Daporta, do restaurante homónimo con Estrela Michelin de Cambados. O sábado estará Javier R. Ponte “Taky”, do Catering Boketé (A Coruña), e xa o domingo Rafa Centeno, do restaurante vigués Maruja Limón, tamén con Estrela Michelin. 

Por outra banda, da Asociación de Cociñeiros da Mariña, que ten como obxectivo apostar polo local e o quilómetro cero, realizarán un showcooking os chefs Bruno Pena, dos restaurantes Horta da Paula e Taberna de Galiana, de Mondoñedo; e Suso Villarino, de O´Asador del Alba (Barreiros). Terá lugar o día 6 de xuño. 

Outra das sesións será, o sábado, a cargo do chef Pedro Pérez, do restaurante Bacelo Taberna Vinaria, da asociación Cociña Ourense, a cal pretende promocionar Ourense como destino de turismo enogastronómico utilizando produtos locais e de tempada, ademais de promover a gastronomía do Atlántico interior. 

Ademais, o domingo estarán presentes integrantes da asociación Coruña Cocina, a cal, baseándose na transversalidade e pluralidade de estilos, traballa arredor dunha personalidade gastronómica diferenciada para A Coruña. Serán Javier Freijeiro e Moncho Bargo, do restaurante Pracer Zalaeta (A Coruña). 

Por outra banda, o sábado realizarase unha sesión protagonizada pola cubana afincada en Pontevedra Ketty Fresneda, subcampioa da sexta edición do programa televisivo MasterChef. 

Ademais desta cociña en vivo, no “Showcooking Bar” realizaranse outras actividades de empresas expositoras. Así, levaranse a cabo catas de viños e aceites, degustacións de cócteles, presentacións de produtos ou talleres de galletas, entre outros. 

Por outra banda, A VI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2019, a cal se celebra conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 42ª Abanca Semana Verde de Galicia, contará do 6 ao 9 de xuño coa participación de 46 celebracións das catro provincias galegas con este recoñecemento. 

As festas gastronómicas que realizarán degustacións en distintos momentos do certame serán a do Pan de Cea, de San Cristovo de Cea; Pescada do Pincho de Celeiro, de Viveiro; Empanada de Bandeira e Tortilla de Laro, ambas de Silleda; Festa do Xamón, de A Cañiza; do Bonito, de Burela; do Carneiro ao Espeto, de Moraña; do Lacón con Grelos, de Cuntis; da Festa da Castaña, de Folgoso do Courel; do Pan, de Neda, e da festa do Polbo, de Mugardos.