Ribas de Sil reparte máis de 2.000 quilos de cereixas

A XVII Festa da Cereixa e do Aceite en Ribas de Sil congregou esta fin de semana a centos de persoas na praia de San Clodio, onde se venderon máis de 2.000 quilos de cereixas e 300 litros de aceite. 

Esta cita gastronómica xa consolidada reuniu a 20 stands de produtos autóctonos do Concello de Ribas de Sil, entre eles 6 produtores de cereixas e aceites. Ademáis, durante a fin de semana celebráronse degustacións de cereixas, exposición de pinturas, partidos de fútbol, pasarrúas, demostracións de cantería e actuacións musicais a cargo do grupo de gaitas O Recanto e a actuación de Paco Nogueiras co espectáculo Radio Bulebule. O pregón da festa correu a cargo do fotógrafo José Antonio Arias Parga.

Entre os centos de asistentes estiveron o Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, e o Deputado de Goberno Interior e Alcalde de Ribas de Sil en funcións, Miguel Ángel Sotuela Vega. Campos Conde sinalou que “estas citas gastronómicas supoñen un reclamo para a Comarca por iso dende a Deputación gústanos colaborar con estes eventos, nos que se pode degustar a calidade dos produtos da nosa provincia. Con estas feiras tamén axudamos a dinamizar o comercio local.”