Ribas de Sil, onde as cereixas arden nun candil

A primeira vista poderiamos pensar que dous produtos como a cereixa e o aceite non casan demasiado ben. Pero en Ribas de Sil levan preto de dúas décadas probando o contrario, exaltándoos conxuntamente cunha festa que acada esta fin de semana a súa XVII edición e que destaca polo seu respeto cara o agro e os produtos autóctonos. 

Tanto é así que ata hai ben pouco aínda non se confirmara a data para o evento, os responsables son conscientes de que cando falamos de froita a climatoloxía é a que manda, por iso agardaron o máximo posible para asegurarse de que os visitantes atoparían as cereixas no seu mellor momento. 

Sobre esta e outras precaucións falamos con Miguel Ángel Rodríguez, produtor do aceite “Cento x cento Figueiredo”, que exerceu de embaixador dunha festa “arraigada, un mercadillo de proximidade que se celebra nun marco precioso como a praia fluvial de San Clodio, que une toda unha comarca”. 

E que reivindica a tradición aceiteira de Ribas de Sil, un concello no que “sempre se fixo aceite, de feito en cada aldea hai unha ou dúas antigas almazaras”. “Cando a xente comezou a apostar por outras variedades nós empezamos a apostar pola recuperación do autóctono, de todo o que se perdera. A recollida é manual, está sen pesticidas… E inténtase facer o máis rápido posible.” Sae un “zumo de aceituna da máxima calidade que non lle envidia nada a ningunha denominación de orixe”. Un aceite “intenso, picante, cun toque amargo e afroitado ao final” que procede maioritariamente da variedade autóctona brava e que xustifica en si mesmo a visita.

A festa comeza este sábado con degustación de cereixas e un baile previsto para as 20:30. Pero o día grande será o domingo, cando ademais de degustar cereixas e produtos da zona lerase o pregón a cargo do fotógrafo José Antonio Arias Parga, haberá actuacións musicais, unha demostración de cantería.... Moitos motivos para achegarse a unha festa que ademais se celebra nun entorno idílico como a praia fluvial de San Clodio, nunha fin de semana na que o tempo está sen dúbida acompañando.