Recoñecemento da FAO á recuperación da raza caldelá


A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO) vén de distinguir a xestión feita pola Xunta de Galicia e a Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga para a recuperación da raza autóctona galega da vaca caldelá. En concreto, foi a división de produción e sanidade animal da FAO a que fixo esta comunicación oficial a Boaga, como organización encargada de xestionar o libro xenealóxico desta especie. 

Xunto a Galicia, só se distinguiron dous exemplos máis relacionados con razas equinas, a de Noruega Nordlandlyngen e a de Francia baudetduPoitou. As tres razas figuran agora como casos de éxito na xestión de recursos xenéticos. 

Esta decisión da FAO vén tomada despois da auditoría feita por esta división á raza caldelá. Esta revisión comezou no ano 2017 e analizou a evolución da xestión zootécnica desta raza en perigo de extinción desde o 1996 ata o 2015. Así, comprobouse que neste período, o número de rexistros aumentou de 284 animais a 1.750. 

Ao mesmo tempo, tamén se constatou que o tamaño efectivo da poboación considerando as dúas últimas xeracións (isto é un indicador da variabilidade xenética), aumentou de 43 a 115, cun pico de 145 no período 2009-2012. A día de hoxe, segundo os informes máis recentes do 2017, contabilizáronse 987 femias reprodutoras. 

Este crecemento ilustra un éxito global na xestión da conservación xenética por parte das entidades responsables, que son o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, no pazo de Fontefiz, dependente da Consellería do Medio Rural, e a Asociación de Criadores da Raza Bovina Caldelá (Caldega) e BOAGA, dende o ano 1999. Por iso, a Xunta celebra este éxito, motivo polo que o conselleiro do Medio Rural, José González, quere trasladar o seu agradecemento a todos os implicados polo traballo feito nestes anos. 

A vaca caldelá é orixinaria da parte noroccidental de Galicia. Esta raza caracterízase por unha capa negra e cornos en forma de gancho. Críase exclusivamente en sistemas de produción extensiva e a súa carne véndese baixo a marca da asociación de criadores 100% Raza Autóctona Caldelá. 

As accións aplicadas para a súa conservación iniciáronse no ano 1991 pola Xunta de Galicia, a través do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia situado no pazo de Fontefiz, onde hai sementais e femias reprodutoras e un banco de seme e embrións. Así, este centro proporciona sementais a baixo custo para facilitar o apareamento.