Presentación da oitava edición dos Premios D.O. Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro presentou na Sancristía Alta do Parador Hostal dos Reis Católicos de Santiago, a oitava edición dos seus Premios.

O acto contou coa presenza de Juan Manuel Casares, presidente do CRDO Ribeiro, e máis dos gañadores do Premio de Honra e do Premio á Mellor Tarefa de Comunicación 2019, que sucederán, respectivamente, a César Lumbreras e Víctor de la Serna, galardoados no 2018.

Os Premios D.O. Ribeiro 2019 celebraranse no Mosteiro de San Clodio (Leiro), o martes 18 de xuño, dende as 19:30h.

A gala do Ribeiro reúne anualmente os profesionais que fan posibles e que divulgan os viños da denominación de orixe máis antiga de Galicia: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación… Esta festa da viticultura conta co atractivo adicional de celebrarse no berce da viticultura galega e das súas castes autóctonas.

Ademais, nela entréganse os galardóns nas categorías: “Premio de Honra”; “Mellor Tarefa de Comunicación”; “Vida entre Vides”; “Muller e Viño”; “Mellor viño branco de adega”; “Mellor viño branco de colleiteiro”; “Mellor viño tinto”; “Mellor servizo de viño en restaurante”; “Mellor tenda especializada – viñoteca”; e “Mellor taberna - bar de viños”.