Pontedeume, capital por un día do Camiño Inglés

Pontedeume converteuse esta pasada fin de semana na capital do Camiño Inglés coa celebración da feira "Primavera no Camiño" que, por terceiro ano consecutivo, volveu reunir aos dezaoito concellos polos que discorre e promocionar os seus atractivos culturais, naturais e gastronómicos. 

Varias carpas en un gran palco situados na praza da Alameda acolleron os numerosos postos nos que os dezoito concellos participantes (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) deron a coñecer a súa variada oferta turística e cultural con diferentes actividades que incluiron actuacións musicais, showcooking en vivo da Asociación de Hostalaría de Ferrol, visitas guiadas por Pontedeume e degustación de distintos produtos típicos.

A feira contou durante toda a xornada cunha numerosa afluencia de público que puido degustar tortilla de Betanzos, troitas de Oroso, pan de Neda e Carral, queixos do Eume, viño Branco Lexítimo da comarca betanceira, queiques de Ordes, proia de Pontedeume e outras delicias grastronómicas, todo elo amenizado por distintas actuacións dos grupos tradicionais como a Asociación Folclórica Orballo, As Ruxideiras de Airiños do Eume, a agrupación O Rueiro de Carral ou a banda de gaitas de Narón.
Na inauguración do acto, o presidente en funcións da Deputación, Valentín González Fomoso, acompañado polo rexedor eumés e deputado provincial, Bernardo Fernández, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e numerosos alcaldes e concelleiros destes dezoito municipios coruñeses, proclamou a Pontedeume como "epicentro por un día dunha ruta xacobea que funde as súas raíces históricas na Idade Media e que, a través dos séculos, contribuíu a forxar a identidade única dos nosos concellos".

Formoso subliñou "o simbolismo" dun acto "que pon de manifesto o esforzo conxunto que concellos e Deputación estamos a facer dende hai tempo para impulsar o Camiño Inglés e desenvolver un tipo de turismo sustentable, que axude a dinamizar as economías locais. Porque o Camiño é patrimonio, cultura, paisaxe,...pero é tamén economía para os concellos da nosa provincia", afirmou.

O presidente provincial manifestou a súa satifacción polo espectacular incremento do número de peregrinos do Camiño Inglés nos últimos anos, que o sitúan como a ruta xacobea que máis medra e que "nos indica que, aínda que queda moito por facer, estamos traballando na boa dirección".