Os fillos de Carballo virán cunha árbore debaixo do brazo

No Concello de Carballo queren asegurar o legado da súa árbore senlleira, o Carballo de San Antón. Por iso levan meses recollendo os seus "fillos", plantándoos en macetas e dándolles os coidados precisos para que medren sans e fortes. 

Xa ten recollidos e plantados máis de 170, pero non ten pensado deterse. Porque o plan é poder plantar un descendente do Carballo de Vilar de Francos por cada neno ou nena que naza no concello ao longo do ano 2020.

Ademais de perpetuar o carballo centenario, a iniciativa que presentaron coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, tamén pretende implicar á cidadanía na Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable e que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio. 

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse ata as instalacións do Horto Infantil Ecolóxico Municipal, onde empezan a medrar os pequenos carballos transplantados nos últimos meses, para dar a coñecer este novo proxecto de participación veciñal.No municipio de Carballo nacen cada ano entre 250 e 300 nenos e nenas. Os/as que veñan ao mundo no 2020 non só traerán un pan baixo o brazo, senón tamén un carballo, que levará o seu nome e que formará parte desa nova carballeira do futuro. A intención do goberno municipal, como explicou o alcalde, é que, coincidindo co Día da Árbore do ano 2021, as familias que o desexen poidan ou ben participar nunha plantación colectiva ou ben acudir a recoller a árbore do seu bebé e plantala no lugar que escollan.