O Xacobeo 21 pasará por Roma

Galicia impulsará unha ampla axenda turística e cultural en Roma dentro da programación do Xacabeo 21 co obxectivo de fortalecer as relacións do Camiño de Santiago no turismo cultural e relixioso, ademais de difundir a nosa cultura nun dos principais destinos de Europa e do mundo.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo este martes varias reunións en Italia co obxectivo de planificar accións conxuntas. Entre outros encontros, reuniuse co responsable de Turespaña neste país, Jorge Rubio, co que afondou na posibilidade de abordar iniciativas conxuntas no sector turístico, que ten especial relevancia na economía da Comunidade. Estas novas accións, encamiñadas a crear novos vínculos de traballo entre Italia e Galicia, buscan afianzar o eixo Santiago de Compostela-Roma-Xerusalén como cidades santas e Patrimonio Mundial da Unesco.

Neste sentido, cómpre destacar que, segundo a Organización Mundial do Turismo (OMT), o turismo relixioso move máis de 300 millóns de persoas cada ano no mundo. A capital galega, como meta de Ruta Xacobea, recibe cada ano a máis de 300.000 peregrinos a pé, en bicicleta ou a cabalo, aos que se engaden millóns de visitantes con esta motivación. Galicia terá así especial protagonismo en Roma no Xacobeo 21 como parte da estratexia de internacionalización, o que supón unha oportunidade para o conxunto do Estado.

Román Rodríguez tamén mantivo un encontro tanto co embaixador de España en Italia, Alfonso Dastis, e co director do Instituto Cervantes en Roma, Juan Carlos Reche. En ambos, o titular de Cultura e Turismo tendeu pontes de colaboración para levar a cabo actividades que poñan en valor a cultura e identidade galega neste país.

Deste xeito, exploráronse diversas propostas, con especial énfase nos creadores e artistas galegos, analizando estadías e exhibicións en institucións como a Academia de España en Roma ou o propio Instituto Cervantes. Igualmente, estudiouse a posible itinerancia de mostras que acrecenten o intercambio artístico entre Galicia e Italia.