O xacemento de Cova Eirós seguirá desvelando os seus segredos

A Xunta acaba de renovar un dos seus convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, achegando 30.00 euros para apoiar o traballo investigador no xacemento lucense de Cova Eirós, un dos de maior potencial de Galicia polos seus valores históricos, artísticos, arqueolóxicos e paleontolóxicos,

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, sinalou que este convenio “asegura a continuación dos labores de escavación, investigación, documentación arqueolóxica e difusión deste xacemento”. Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que, grazas ao impulso da Xunta de Galicia, Cova Eirós é desde o pasado mes de marzo Ben de Interese Cultural, “o máximo nivel de protección e recoñecemento patrimonial co que contamos en España”.

O conselleiro concluíu a súa intervención explicando que, en coordinación co Concello de Triacastela, se vai pór en marcha un centro de interpretación onde “os diferentes achados” e avances sobre a cova poidan ser amosados e explicados. “A función ‒explicou o conselleiro‒ é divulgar e dar a coñecer a riqueza do noso pasado.” Neste sentido, recordou a recente cesión por parte do Xacobeo ao Concello dun espazo, para que este poida comezar a traballar neste proxecto.

O achado dun vaso cerámico parcialmente conservado durante a última campaña de escavacións permitiu ao equipo que traballa no proxecto, encabezado polo profesor Ramón Fábregas, aportar datos novidosos sobre o proceso de neolitización tanto da Fachada Atlántica como, en particular, de Galicia. Feito que queda testemuñado nun estudo dado ao prelo recentemente polo equipo investigador de Cova Eirós nunha publicación de referencia como é Trabajos de Prehistoria.

Tanto pola súa forma de botella como pola súa profusa decoración, realizada coa impresión dunha cuncha de berberecho, o recipiente recorda claramente á cerámica cardial, característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da península ibérica.

A tipoloxía cardial está vinculada cos primeiros grupos do Neolítico Antigo, que penetran ao longo do litoral mediterráneo, traendo consigo a introdución das prácticas agrícolas e gandeiras. Os paralelos máis próximos atópanse na conca do río Mondego (Coimbra), no centro de Portugal, a máis de 300 km.

A partir doutros exemplos identificados e datados no litoral portugués, como Galería da Cisterna, Santarém ou Casével, o achado de Cova Eirós podería sinalar que o inicio das prácticas neolíticas no Noroeste peninsular se remontan, probablemente, ao final do VI milenio a. C., unha etapa aínda escasamente representada na Prehistoria galega.