O Verán no Gaiás volve con máis dun cento de actividades

A Cidade da Cultura acollerá máis dun cento de actividades cun amplo abano de contidos no marco do programa Verán no Gaiás, que incluirán música, acampadas, arte, astronomía...

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou esta programación destacando o “incremento nun 40 por cento” con respecto ao ano pasado do número de actividades, das que gabou a súa “calidade” e a súa aposta por “unha oferta de lecer baseada na cultura e non no mero entretemento”. Debido a este aumento da programación, apuntou que se prevé superar os 50.000 participantes da edición anterior.

Nesta liña inscribiu os “novidosos” campamentos urbanos para a cativada, que se celebran do 8 ao 19 de xullo no Museo Centro Gaiás e ao redor das exposicións Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia -que ata finais de xuño continúa coas demostracións e obradoiros de artesanía para toda a familias nas fins de semana- e Valor e mestría. Galicia como fútbol.


Na súa intervención, o director xeral de Políticas Culturais tamén destacou o feito de que esta edición de Verán no Gaiás xa inclúe actividades enxeridas na programación do Xacobeo 2021. Trátanse da residencia de creadores emerxentes Encontro de Artistas Novos (EAN) -que se celebra na Cidade da Cultura do 25 ao 29 de agosto- e do ciclo de intervencións artísticas na contorna natural Reb/veladas na paisaxe, que se inaugura o 19 de setembro e co que se pecha a programación de estío, á vez que serve de ponte coa nova de outono.

Verán no Gaiás arrancará co concerto de Os Resentidos este mesmo venres, día 21, para celebrar o Día da Música. A mítica banda galega dará un concerto de balde, a partir das 21 horas, na Praza Central do Gaiás, onde soarán hits e himnos de varias xeracións como Fai un sol de carallo, Sector naval ou Economía sumerxida.

A programación de estío terá continuidade musical os días 28, 29 e 30 de xuño coas actuacións de 500 instrumentistas procedentes de bandas de música de toda Galicia, que se darán cita na segunda edición do Serán’02. Este encontro de cultura popular conseguiu o pasado ano congregar máis de 7.000 persoas no Gaiás.

A música ten un peso moi importante en Verán no Gaiás, onde Atardecer no Gaiás volve ser o seu prato estrela. Por este motivo, a presentación da programación contou cunha pequena actuación, en formato acústico, de Laura Lamontagne. Esta actriz, compositora e intérprete de Lugo actuará nun dos 20 concertos deste ciclo de balde, ao aire libre e ao solpor.

Do 4 de xullo ao 18 de agosto e todos os xoves, venres e sábado -a excepción do 25 de xullo- subiranse ao escenario Alhambra da Praza Central do Gaiás sete grupos galegos, entre os que están Agoraphobia ou De Vacas; nove nacionais, como Cecilia Krull, compositora e intérprete do tema estrela de ‘La casa de papel’, ou Las Migas, formación na que cantou Silvia Pérez Cruz; e catro internacionais como Kumbia Boruka, de México ou Labaq, do Brasil.

A banda sonora do verán que conforman as actuacións deste ciclo volve amosar un repertorio ecléctico en estilos -cumbia, trap, hip hop, pop, rock, indie ou reggae- e unha forte presenza e aposta, un ano máis, polas voces femininas; desde as que contan xa cunha carreira consolidada como a colombiana Miss Boliva ata artistas e formacións novas e emerxentes como a mesma Laura Lamontagne ou as arxentinas Kumbia Queers.

Ademais da música, Verán no Gaiás caracterízase por unha ampla e variada oferta de actividades familiares e en contacto coa natureza, que completa esa demanda dunha programación estival para os rapaces e rapazas que equilibre lecer e cultura. Así, todos o venres de xullo, a cativada contará coa acampada de Unha noite no Bosque para coñecer os espazos verdes do Gaiás e tomar consciencia da importancia do patrimonio ambiental.

Camiño ao Gaiás e as Visitas Astronómicas completarán esa oferta pensada para toda a familia en contacto co natureza, tanto para a descuberta de novas rutas para subir á Cidade da Cultura desde o casco histórico compostelán, como para deixarse marabillar polos segredos das estrelas e planetas do ceo nocturno do verán.

Os imprescindibles da programación familiar do Verán no Gaiás complétanse con Cidade Imaxinaria, festival pensado para toda a familia moi vencellado a espectáculos circenses, que neste 2019 terá lugar o sábado 24 de agosto, e a exposición interactiva e de enxeño Ludantia, no Museo Gaiás, a partir do 12 de setembro.