O proxecto do Xeoparque de Ortegal suma e segue nun ano fundamental

O Consello de Dirección do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal concretou esta fin de semana as primeiras liñas de traballo, vertebradas pola intención de camiñar cara unha maior implicación social na iniciativa e sumar sinerxias para afortalar a candidatura.

Tras o éxito das I Xornadas do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal tivo lugar unha xunta do consello, no que a súa presidenta e alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asegurou que "este ano vai ser fundamental á hora de intensificar a implicación social do proxecto de xeoparque e, neste sentido, comezaremos a traballar nos centros de ensino para que coñezan a iniciativa e tamén en desenvolvemento local a través do tecido empresarial e asociativo".

Por parte da Deputación da Coruña, o deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que é preciso que o territorio "se implique e dar pasos firmes para avanzar en transformar o proxecto nunca candidatura real á certificación da UNESCO". Valorou tamén que as xornadas do fin de semana tiñan como un dos principais obxectivos "establecer as necesarias alianzas cos colectivos sociais representativos, e coa sociedade en xeral porque o proxecto debe transcender xa á mera corporación entre administracións e pasar a ser patrimonio do territorio e da sociedade que nel habita".

Por outro lado comezáronse a fraguar novos pasos para a consolidación da candidatura. Concretáronse varios puntos como a posta en marcha dun proceso de inclusión de localizacións para poñer a andar un plan de sinalización xeoturística (que é requisito imprescindible na documentación a presentar pola candidatura) así como a decisión de comezar a tramitar a contratación dun plan coas actuacións iniciais básicas para a realización dun documento marco de inicio de tramitación.

Do mesmo xeito consensuouse a necesidade de comezar a tramitación dun plan de formación e sensibilización local con respecto ao proxecto de xeoparque. O obxectivo é que as empresas, produtos e actividades a nivel local utilicen o selo do proxecto, coñezan a súas linas de actuación fundamentais e conseguir que as empresas e entidades do territorio se sintan orgullosas de pertencer ao mesmo, e polo tanto sexan as mellores prescritoras aos visitantes.

Por último, o consello de Dirección acordou integrar todas as actividades relacionadas co xeoparque que se estaban a levar a cabo en cada un deles para ir conformando un plan e un calendario integral de actuacións conxuntas. Neste eido o consello acordou manter, antes de que comece o curso escolar 2019-2020, unha reunión cos consellos escolares dos 7 concellos para ofertar a todos os centros educativos do territorio as mesmas actividades e obradoiros relacionados co xeoparque. E é que a educación e o fomento da educación sobre o proxecto nos máis pequenos, é outro dos eixos que debe desenvolver un xeoparque para construír un proxecto sustentable e que xere valor propio.
Con estes obxectivos, o consello de Dirección puxo sobre a mesa a data doutra reunión a finais de mes para ir avaliando os puntos conseguidos así como a súa supervisión e o grao de cumprimento.