“O océano que nos une”, nova exposición itinerante da Rede De Museos Atlánticos

“O océano que nos une” é o nome da nova exposición itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), que arranca este xoves 20 de xuño. A inauguración terá lugar na Fábrica de Sel de Muros a partir das 12:00 horas e contará coa presenza de socios de REMA e representantes dos museos que actualmente vertebran da rede. 

Esta exhibición inclúe unha serie de dez paneis informativos onde se recompilan os elementos máis destacados dos espazos divulgativos que forman parte de REMA desde unha primeira fase de adhesión: Arquivo da Pesca de Caión, Ecomuseo Forno do Forte, Museo do Mar de Laxe, Museo Man de Camelle, Museo da Pesca de Fisterra, Fábrica de Sel, Pozo do Cachón, Museo Marea Porto do Son, Acuario do Grove, Casa da Navegación de Baiona e Centro de Interpretación do Caldoval. 

“O océano que nos une” estará aberta ao público na Fábrica de Sel de Muros ata o día 30 de xuño. Posteriormente, percorrerá toda Galicia a través de mostras temporais nos diferentes museos que conforman a rede REMA. 

A Rede REMA forma parte de Morada Atlántica, un proxecto de cooperación promovido polos oito GALP de Galicia. Entre os seus socios colaboradores atópanse oito grupos de acción costeira de Portugal, tres de Andalucía e un das Illas Canarias, todos indubidablemente ligados ao Océano Atlántico. 

Neste momento REMA atópase constituída por quince espazos galegos e un museo portugués. A rede está na actualidade aberta a novas adhesións e todos os espazos ligados ao mar e á tradición mariñeira poden enviar as súas solicitudes ata o 30 de xuño. 

O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).