O mellor banco do mundo cumpre unha década

No alto dos cantís de Loiba, en Ortigueira, aséntase dende hai dez anos un banco cunhas vistas privilexiadas da costa entre Estaca de Bares e Cabo Ortegal, que se ten convertido nun lugar de culto para moitos galegos e boa parte dos turistas que nos visitan. 

Coñecido popularmente como o banco máis fermoso do mundo, ou "the best bank of the world" segundo o grafiti que o adorna, durante a última década ten protagonizado miles e miles de fotos compartidas nas redes sociais, non é raro atopar unha cola de curiosos agardando a súa quenda para sentarse. 

Un lugar emblemático que nos acompaña dende 2009, cando foi colocado por Rafael Prieto Fernández. E para celebrar este primeira década o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou esta fin de semana a costa de Loiba. Tamén se celebrou unha misa na honra da Virxe do Carme e unha ofrenda floral en homenaxe aos mariñeiros e mariscadores falecidos no mar.