O CSHG celebra mañá o seu 25 aniversario

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) está de aniversario, cumpre 25 anos formando xóvenes profesionais no mundo da gastronomía e do turismo. Un cuarto de século que celebrará este mércores por todo o alto na Cidade da Cultura cun evento enmarcado na terceira edición de Hotelforum, o foro impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo orientado a estudantes e profesionais do sector turístico que este ano afondará nos retos e oportunidades do sector hoteleiro galego de cara ao Xacobeo 2021.

O foro desenvolverase durante todo o día no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, pero o acto central do 25º aniversario está previsto para as 11:30 e incluirá un recoñecemento da labor de colaboración de dez cadenas hoteleiras durante estes 25 anos de traxectoria. Tamén se premiará ao CSHG co premio Escola de Referencia, que outorga a Asociación Catalá de Xornalistas e Escritores de Economía e Turismo Rede de Xornalistas de Turismo e haberá unha comida de confraternización a cargo de antigos alumnos do centro como Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro), Iñaki Bretal (Eirado da Leña) ou Héctor López (Restaurante España). 

No que respecta ao foro propiamente dito, cóntase coa participación de destacados profesionais do sector hoteleiro, que afondarán en cuestións como os desafíos e oportunidades que supón a convivencia dos canais de venda tradicionais ante a chegada do Big Data, a xestión da diversidade cultural e necesidades específicas dos distintos tipos de viaxeiros nos establecementos hoteleiros, a creación de novos modelos que diversifiquen a oferta ou o peso da xestión económica e financeira na toma de decisións da empresa.

Na primeira das mesas redondas –centrada na comercialización hoteleira– contarase coa participación de Berta Gacho, de Meliá; Ainhoa Benavente, de Expedia Partner Solutions: José Enrique Lázaro, de World2meet, e Pablo Guitián, de AC Hotels. Pola súa banda, Lucía Iglesias, de A Quinta da Auga; Héctor López, do Restaurante España; Sergio Delpont, do Restaurante O Sendeiro, e Vanesa Pradera, do Restaurante Lume participarán na mesa que coordinará Andrés Rumbo, experto en recursos humáns do CSHG, sobre a xestión da diversidade nos establecementos hoteleiros.

O programa de relatores completarase con Anxo Rodríguez, do Faro de Corrubedo; Lilian Ferral, do Parador de Monforte de Lemos; Jorge San Martín, do Hotel Monumento San Francisco; Annia Gonzar, do Hotel Bela Fisterra e Hostel Bela Muxía, ou Anxo Bernárdez, de Como en Casa, que afondarán na evolución do produto hoteleiro. No relatorio ao redor da xestión económica e financeira no sector participarán Paula Ferro, do Hotel Santa Justa Lisboa; Francisco Plaza do Parador de Baiona; Ana Domínguez, de Sol Meliá, Fernando Jalón de Reig Capital, e José Luis Sieira, experto en finanzas do CSHG.