O Courel e os Ancares buscan atraer turismo científico

A riqueza biolóxica, xeolóxica e cultural das zonas dos Ancares e do Courel convértenas en destinos envidiables para o turismo científico, que vén de ser recoñecidos coa certificación Espazo Observer Turismo Científico. E dende a Deputación de Lugo pretenden incentivar este tipo de turismo coa publicación dunha nova guía, 5 itinerarios sinalizados, un vídeo promocional, unhas xornadas e un grupo de traballo profesional.

As xornadas serán un dos puntos máis visibles desta estratexia. Celebraranse o 6 de xullo na Estación Científica do Courel en Seoane, e tratarán temas como a micoloxía como recurso turístico, as árbores senlleiras do Courel, a recuperación do oso parde, a ciencia cidadá como forma participativa de turismo científico... 

A nova guía publicarase en formato dixital cunha selección de 50 puntos de interese nas Montañas de Ancares e Courel. Tamén se crearán 5 itinerarios temáticos diferentes sobre Xeoloxía, Botánica, Ecoloxía, Zooloxía e Arqueoloxía que estarán sinalados no terreo con paneis explicativos e cunha sinalización con códigos QR e NFC (Tecnoloxía sen fíos de curto alcance) que permitirá aos visitantes obter información a través do móbil. Toda esta información estará dispoñible nunha web e poderá descargarse de forma sinxela a través dunha APP. Ademais, estes roteiros integraranse nun proxecto de Ciencia cidadá que serán tamén publicados noutras dúas plataformas especializadas en achegar a ciencia, biodiversidade e os espazos naturais á cidadanía como biodiversidade.eu 

Para a difusión deste proxecto e fomentar un turismo sostible nesta zona da provincia de Lugo, presentouse o novo vídeo promocional “Turismo Científico: Montañas de Ancares e Courel, Destino de Turismo Científico” que amosa imaxes dos lugares máis idóneos para a práctica deste tipo de turismo.

Coa finalidade de contar cun grupo de profesionais que aporten información relevante para deseñar novas medidas que promovan unha rede de turismo científico nestes espazos naturais da provincia crearase tamén un grupo de traballo formado por profesionais, institucións e colectivos que traballen en proxectos ligados ao turismo científico. Reunirase en dúas ocasións, a primeira será o 6 de xullo e coincidirá coa celebración da I Xornada de Turismo Científico que terá lugar en Seoane do Courel.