O blues recalará unha vez máis en Fisterra

Esta semana acaba de ser presentada a terceira edición do festival Fisterra Blues Experience, que traerá de novo á vila coruñesa algúns dos nomes destacados do blues internacional como Rockin' Johnny Burgin (EEUU) ou Morgane Ji (Illa Reunión).

O Fisterra Blues Experience desenvolverase o venres 28, sábado 29 e domingo 30 de xuño. Ademais dos cabezas de cartel internacionais tamén estarán no programa destacados membros da escena estatal como Los Deltonos, Tonky Blues Band ou Quique Gómez & Curro Serrano; e grandes do blues galego como Marcos Coll Band (residente en Berlín), The Soul Jacket, Andhrea & The Black Cats, Willy & Winnie, Zeltia e Víctor Aneiros.

A presenza galega será, coma sempre, importante. Alén de Marcos Coll e Víctor Aneiros (xa anunciado anteriormente), estarán os vigueses The Soul Jacket, que regresan con novo disco, 'Plastic Jail' (2018), no que reinventan a súa fórmula inimitable de Rhythm & Blues, Rock & Roll e Southern Soul. Tamén estará a banda compostelá Andhrea & The Black Cats co seu son que arrecende a Nova Orleáns; o dúo ferrolán Willy & Winnie, que transita do jazz ao rock, pasando polo folk e o blues; e Zeltia, outro dúo que nos trae folk-rock e blues mesturado con outros sons máis acústicos e tribais. Sen esquecer a Fisterra House Band, a banda residente.

Alén dos concertos como formato clásico, o festival volve apostar por unha interesante programación paralela con múltiples actividades, na que volverá repetirse taller de baile con Compostela Swing, Blues na Escola, concertos en barco, jam sessions e máis actividades, como o pasarrúas dunha banda que xoga na casa, os Rapacollóns.

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, interveu no acto de presentación desta terceira edición do festival, que tivo lugar no hotel Bela Fisterra e no que tamén participaron Javier Turnes, director artístico do festival; Kuka Sar, tenente de alcalde de Fisterra; José Marcote, alcalde de Fisterra ademais do poeta Suso Bahamonde e Lucía Oca, unha das rapazas que están a participar no Blues na Escola, unha das actividades relacionadas que xa está en marcha.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín destacou o interese do festival que converte Fisterra e a Costa da Morte en "capital do blues", unha condición a incorporar ás moitas cualidades que esta terra ten para ser visitada. Segundo explicou, o Fisterra Blues é un dos 63 festivais que toman parte das dúas liñas de axuda promovidas pola Deputación da Coruña e, neste caso, naceu xusto cando se estaba deseñando esta nova política de xestión de axudas públicas. "O Fisterra Blues naceu xa con esta maneira de facer política cultural, cun reparto xusto e obxectivo. Trátase dun festival novo e con identidade propia, unha maneira de ser que identifica e está a imprimir a súa marca tamén en Fisterra, con ese atinado título que mestura o topónimo co tipo de música á que se consagra o festival", afirmou ao tempo que recoñeceu a calidade dunha programación destinada tamén a ampliar públicos con novos formatos, de maneira destacada, o máis pequeno coa sección de Blues na Escola do que este ano participan rapazas e rapaces a quen convidou a "participar no concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil en galego no que na anterior edición tivemos a sorte de contar coas Fantásticas de Fisterra interpretando precisamente un blues", lembrou.