María Isabel Mijares, Premio “Muller e Viño” da Denominación de Orixe Ribeiro.


A prestixiosa enóloga María Isabel Mijares, é a galardoada co Premio “Muller e Viño” da Denominación de Orixe Ribeiro. Conta cunha longa carreira profesional ligada ao viño que se remonta á década de 1960.   A Gala de Premios contará como presentadores cos actores Ledicia Sola e Xosé Antonio Touriñán e celebrarase o martes 18 de xuño, ás 19:30 horas, no Mosteiro de San Clodio (Leiro).


Enóloga, química e escritora nada en Estremadura, está recoñecida como unha das personalidades máis influentes do mundo no sector.

A súa andaina remóntase xa aos anos 60 do século pasado. Concretamente a 1967 cando, tras concluír a licenciatura en Químicas, obtivo unha bolsa do goberno francés para cursares estudos no Instituto de Enoloxía da Universidade de Burdeos.

Dende entón especializouse máis e máis no mundo do viño mantendo sempre unha estreita relación con Francia e, nos 70, comezou a súa experiencia profesional comandando adegas, laboratorios e firmas como Equipo TEAM (Técnicas Enológicas y Alimentarias Mijares S.L.) ou, desde 2018, « StarWine LAB (World Winery Consultants)».

Non estaría completo este perfil sen lembrarmos os seus anos como directora e coordinadora da Guía Campsa, logo Repsol, dos mellores viños de España.

Tamén foi presidenta ou membro do xurado de numerosos concursos enolóxicos en España, Bélxica, Francia ou Sudamérica.

Hoxe, prosegue coa súa axenda profesional e é requirida por múltiples citas en todo o mundo. Mijares únese así a Paradores, “Premio de Honra”, e aos programas da Televisión de Galicia Labranza e O Agro, “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación” 

.
Sonia Prince de Galimberti, presidenta da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino AMAVI, recibiu o “Muller e Viño” en 2018. Mónica Fernández, directora de sala e catadora dos restaurantes do Grupo Bambú, no 2017; e Mayte Santa Cecilia, directora de marketing e de compras das tendas Bodega Santa Cecilia, na edición do 2016,

Durante o evento, tamén se entregará o premio “Vida entre Vides” á traxectoria ligada á D.O. Ribeiro e proclamaranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro.

ABANCA colabora na organización dos Premios D.O. Ribeiro 2019.