HILO DIRECTO con... Isabel Costas, presidenta de Cooperativa Tres Fuciños

Aproveitando a Semana Verde de Silleda falamos con Isabel Costas, presidenta da Cooperativa Tres Fuciños, formada por pequenos produtores de toda Galicia que buscan achegar ao consumidor a carne de porco celta sen intermediarios. 

Vexo que non estades quietos, cada vez tedes máis produtos... 

Estamos facendo unha liña de hamburguesas dende principios de ano que se vende moi ben con particulares e algúns restaurantes que as están levando todas as semanas. Tamén estamos facendo unha liña de lombo adobado, un produto fresco que se conserva máis que o lombo fresco. Estamos elaborando cachucha prensada e tamén innovando cunha liña de patés para tendas gourmet utilizando o fígado, que non o utilizábamos…

Dende logo, facedes real a máxima de que do porco todo se aproveita.

Tratamos de aproveitar todos os recursos que temos. A miña idea é chegar a pagar o porco ao socio da cooperativa como se merece, pouco a pouco hai que ir innovando e tratar de vender máis cantidade de produto do porco para poder pagarlle mellor aos socios. Sen os socios a cooperativa non funciona e ten que funcionar, eu cando estaba sola dinme conta que para venderlle a restaurantes necesitas ter máis xente arredor que che proporcione produto. 

Por moito que variedes, a calidade do produto segue asegurado, todo segue sendo porco celta, non?

Claro. Contamos ademais co selo 100% Raza autóctona que para nós é unha garantía á hora de vender. 

¿Vedes que a xente está disposta a pagar un pouco máis por un produto desta calidade?

Vemos que vai para arriba. Eu creo que moitas das enfermidades que hai é de comer alimentos que están moi medicados, con moito antibiótico… Os nosos porcos viven en liberdade, non utilizamos antibiótico… Eu creo que a xente vai a querer pagar unha panceta ao prezo que se merece. Ti tes que saber cando vas a comprar un animal dos nosos que mínimo botou 10 meses un ano con nós no monte. Evidentemente non é o mesmo que un porco que crías nun cortello en catro meses. Aí claro, é moi fácil obter rendibilidade. Pero nós temos que alimentar a ese porco durante un ano.