Galicia exhibirá un segundo Códice Calixtino

A Xunta acaba de pechar un acordo coa Biblioteca Apostólica Vaticana para exhibir por vez primeira en Galicia e o Liber Sancti Iacobi, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, ademais do orixinal de Santiago, que se conservan no mundo, e o Cancioneiro da Vaticana, peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa.

As pezas serán amosadas ao público a través da exposición "Galicia, un relato no mundo", a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, adiantou que este novo proxecto, que se dará a coñecer proximamente, suporá reunir nunha exposición pezas esenciais da cultura galega, entre as que se atopan obras que viaxarán por primeira vez a Galicia grazas aos acordos de colaboración que se están a xestionar con prestixiosas institucións de Europa e América.

“Se o Pergamiño Vindel ou A derradeira leición do mestre foron dous grandes logros, esta nova exposición suporá un fito cultural moi notable”, asegurou o conselleiro, avanzando que, tras a confirmación de que o Códice Calixtino e o Cancioneiro da Vaticana viaxarán por primeira vez a Galicia, nas próximas semanas daranse a coñecer novas obras de excepcional relevancia que se sumarán a esta mostra. “Xuntas conformarán unha das maiores exposicións internacionais en termos de recuperación de pezas clave da nosa identidade cultural espalladas en diferentes lugar do mundo”, engadiu.

O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.

Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura máis prestixiosa da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.

O Cancioneiro da Vaticana é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para Galicia, pero tamén central na tradición literaria de Europa, xa que a lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.

Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.