Galicia Calidade recoñece as cañas da Confitería Cerviño

A confitería Cerviño leva máis de 50 anos elaborando artesanalmente produtos reposteiros de todo tipo, aínda que a especialidade deste negocio familiar sempre foron as famosas Cañas do Carballiño, que agora acaban de ser recoñecidas polo selo de Galicia Calidade. 

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega esta mañá do distintivo de garantía a este negocio, que durante catro xeracións liga o seu apelido á calidade e á tradición artesán e resposteira. 

Aínda que a maior parte dos produtos da Confitería Cerviño se dirixen ao consumo particular e doméstico, a calidade superior das súas elaboracións e a forte demanda de produtos artesáns e tradicionais fixo que parte da súa produción se dirixa ao sector da hostalería e restauración. 

A directora xeral de Comercio agradeceu a aposta da Confitería Cerviño por promocionar un produto tan ligado á tradición reposteira de Galicia e do Carballiño. Con este recoñecemento, as cañas Cerviño poderán chegar a novos mercados, coa garantía que lles ofrece o selo de Galicia Calidade e distinguirse pola súa orixe e calidade superior. 

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, sinalou, pola súa banda, a relevancia do sector alimentario dentro do selo e mostrou a súa satisfacción pola incorporación dun produto tan representativo da repostería galega como as cañas fritas do Carballiño. Deste xeito, destacou que “sumamos un novo produto tan coñecido e representativo de Galicia e do Carballiño a unha lista moi completa na que integramos produtos galegos de calidade coma ovos, viño, polo, auga ou a pescada, entre outros”. 

Con esta incorporación, o selo de certificación Galicia Calidade suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 110 empresas galegas.