Estaca de Bares estará na Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo

As obras de mellora realizadas na contorna de Estaca de Bares, firmadas polo arquitecto Carlos Seoane. participarán nos premios da IX Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo como un dos 20 proxectos que representarán a España escollidos entre preto de 1.000 candidatos. 

As melloras incluiron o acondicionamento da contorna do faro para adecuar a mobilidade peonil e accesibilidade universal mellorando os equipamentos existentes. O proxecto –para o que a Xunta de Galicia achegou preto de 300.000 euros– pon en valor, ademais, a riqueza paisaxística da contorna mediante a derriba da torre de sinais acústicas na zona, entre outras accións.

Durante o proceso, a Xunta realizou un seguimento ambiental e ecolóxico permanente e controlado por especialistas garantindo que os espazos públicos se adecuasen á normativa de accesibilidade, sendo especialmente sensibles co medio e mantendo a esencia natural e ecolóxica do terreo. 

A IX Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo resolverase na cidade de Asunción (Paraguai) o vindeiro mes de outubro.