Emilio Rojo, premio Vida entre Vides

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o seu Premio “Vida entre Vides” a Emilio Rojo, (A Arnoia, 1951) que puxo a andar no 1997 o proxecto vitivinícola que leva o seu nome e suma máis de 30 anos como viticultor e produtor nesta comarca vinícola galega. 

Un proxecto no que o seu saber e aposta pola calidade colocaron os seus viños nas mellores mesas e cartas, cunha proposta persoal, sempre buscando a excelencia e diferenciación, na que as súas botellas acaban por estar comprometidas mesmo antes de seren embotelladas.

Desde sempre, Emilio Rojo apostou polas castes autóctonas; o carácter propio nos viños; e o coñecemento profundo dos viñedos e da riqueza e pluralidade enolóxica coas que contan as terras do Ribeiro.

Emilio Rojo engádese deste xeito á lista de gañadores do premio “Vida entre vides”, que conta co viticultor Avelino Lorenzo; con Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma; e máis con Manuel García Montero, socio fundador e promotor da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro, actualmente coñecida como Viña Costeira.

O galardón foi creada polo Consello Regulador para salientar o traballo e servir de homenaxe e recoñecemento ao traballo dos viticultores e adegueiros da D.O. Ribeiro que, co seu esforzo e dedicación, foron pioneiros na modernización e avance desta denominación de orixe, a máis antiga de Galicia.

A Gala de Premios da D.O. Ribeiro celebrarase o martes 18 de xuño, a partires das 19:30 horas, no Mosteiro de San Clodio (Leiro). Contará como presentadores cos actores Ledicia Sola e Xosé Antonio Touriñán.

Ademais do “Vida entre Vides” a Emilio Rojo, o CRDO Ribeiro homenaxeará a Paradores co “Premio de Honra”; aos programas de Televisión de Galicia Labranza e O Agro, como “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; e a María Isabel Mijares, co “Muller e Viño”.

Na cerimonia tamén vaise premiar a tres establecementos. La Sucursal (Lugo) recibirá o galardón á “Mellor tenda especializada – viñoteca”; La Molinera(Lalín), o do “Mellor servizo de viño en restaurante”; e a Taberna A Curva(Portonovo) será distinguida como “Mellor taberna – Bar de viños”.

Un panel de cata será o encargado de designar os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro. O veredicto coñecerase no evento do martes vindeiro, que ha reunir a todos os profesionais do sector.