Curso de verán en Terras de Asorei

Roque Durán
A Directora do Curso de Verán organizado pola USC e profesora desa universidade, Elisa Rubí; o presidente da Asociación Adegas do Salnés, Germán Martínez; e o presidente de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán (Roque), presentaron a programación do Curso de Verán da USC “O mundo dos viños galegos. Foro do Albariño” que impartirase do 25 ao 28 de xuño en Adegas Terra de Asorei, en San Martiño de Meis. 

Elisa Rubí, na súa intervención destacou a transversalidade do curso, mesturando temas como o coidado da terra e a cepa, a elaboración do viño, a xestión dunha adega, a comercialización, o enoturismo e o aspecto cultural”. 

En dito curso participan profesores universitarios e profesionais do sector do viño, todos eles de recoñecido prestixio, nun ambiente que transmita a cultura de cata. Ditos profesionais son profesores e catedráticos da Universidade de Santiago, de Vigo, de A Coruña e de Madrid, e así como profesionais do sector como enólogos, responsables do enoturismo, xestores da Ruta do Viño ou da Denominación de Orixe Rías Baixas.”

Pola súa banda, Xosé Ramón Durán-Roque transmitiu que “xa imos coa 9ª edición do Foro que comezou no ano 2008 e damos agora un salto, colaborando coa USC con este curso de verán. Por iso agradecemos á Universidade de Santiago Compostela o contar coa colaboración de “Adegas Terra de Asorei” e da “Asociación Adegas do Salnés” para programar este curso de verán universitario.