Comeza a Cata dos Viños de Galicia e de Augardentes e Licores Tradicionais

O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, presentou hoxe aos medios de comunicación o proceso das Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2019, que comezan mañá ás 9.30 horas no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela. 

As catas a cegas prolongaranse ata o venres 14 e serán realizadas por 25 profesionais de Galicia e do resto do territorio nacional (18 de viños e 7 de licores) para valorar as case 400 mostras de todas as categorías que se presentaron este ano ao certame. En concreto, este ano hai 157 adegas de viño participantes que entregaron 349 mostras. No caso das augardentes e licores hai outras 16 adegas con 42 mostras. 

A organización outorgará un premio (trofeo e diploma) para o Mellor Viño Branco e outro para o Mellor Viño Tinto de Galicia, elixido entre os brancos e tintos mellor puntuados de toda Galicia. Ademais, para cada denominación outorgaranse ata tres premios (Acio de Ouro, Prata ou Bronce) aos tres viños mellor valorados, así como para os Viños da Terra, colleiteiros, colleitas anteriores, madeira, espumosos, ecolóxicos, variedades senlleiras e tostados (o número de premios por categoría sempre será en función do número de mostras recibidas).En total, nas bases do certame contémplanse ata 21 categorías diferentes para as Catas dos Viños. 

No que se refire ás augardentes hai outras cinco categorías: Augardente de Galicia, Augardente de Galicia Envellecida, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, que recibirán o Pote de Ouro, Prata ou Bronce, segundo a valoración o número de mostras.