Celebración por todo o alto do X aniversario da Torre de Hércules Patrimonio da Humanidade

Foto da presentación das actividades
O vindeiro sábado 29 de xuño a Torre de Hércules celebrará o X Aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Un concerto exclusivo de Mercedes Peón e unha proxección audiovisual nas paredes da Torre de Hércules serán os principais atractivos do programa de actos promovido conxuntamente polo Consorcio de Turismo e Congresos e a Concellería de Cultura. No programa sucederanse exposicións, recreacións históricas, visitas nocturnas ao monumento, charlas e actividades infantís. 

O groso das actividades programadas celebraranse entre os días 27 e 29 de xuño na contorna do monumento e con elas, segundo apuntou Calatayud “arrinca a tempada de verán co punto de partida do aceso das fogueiras das festas de San Juan”. A xerenta do Consorcio de Turismo manifestou que os dous grandes atractivos de “un programa versátil e destinado a todos os públicos serán o vídeo-mapping e o concerto exclusivo de Mercedes Peón na noite do sábado, día 29 de xuño “todo un luxo porque se trata dun espectáculo musical e unha peza audiovisual exclusivos e únicos pensados para esta data”. 

Baixo o nome Luz e Son de Hércules, a peza audiovisual de vinte minutos de duración está deseñada e executada por ACCIONA Producións e Deseño (APD). A partir das once da noite proxectarase en dúas das fachadas da Torre de Hércules “unha narración da historia do monumento” que se leva a cabo por primeira vez na cidade. Previamente, ás 21.30, Mercedes Peón protagonizará o espectáculo Achégate a min.

O día 27, coincidindo coa data do décimo aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, comezará no CIAV unha mostra de postais da Torre ao longo do século XX, cedidas polo Arquivo Municipal. Paralelamente, no interior do monumento e coa colaboración do Grupo Naturalista Habitat, desenvolverase unha mostra fotográfica sobre a contorna natural do monumento.