Celanova abordará os retos e oportunidades do rural ourensán

A vila de Celabova acollerá este mércores 5 de xuño unha xornada técnica sobre os retos e oportunidades do rural ourensán, no marco da celebración da III edición da Semana Vitivinícola de Galicia, un evento técnico e divulgativo organizado pola Deputación de Ourense e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que se desenvolverá do 5 ao 7 de xuño. 

Trátase dunhas xornadas que segundo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, chegan despois de asistir máis de 600 persoas ás anteriores edicións, cun programa que pretende achegar o sector do viño á sociedade e consolidarse no calendario para os amantes do viño porque Ourense é a provincia máis vitivinícola de Galicia e unha das máis importantes de España". Neste mesmo sentido, o presidente de Evega, Juan Manuel Casares, explicou que con esta semana de actividades técnicas e divulgativas preténdese converter a Ourense "na capital do viño de Galicia e achegar aos ourensáns ao mundo do viño galego".

A xornada sobre o rural ourensán celebrarase na Sala dos Arcos, na Casa do Concello de Celanova, de 9.00 ás 14.00 horas. Ademais da xornada, o programa inclúe tamén un obradoiro práctico sobre as ferramentas para a comunicación dixital para coñecer as vantaxes do uso das TIC´s e as súas aplicacións ao marketing dixital. Tamén están previstas mesas-faladoiro que abordarán diversos temas vencellados ao sector da viticultura. A primeira, que analizará o papel da muller no sector do viño coas experiencias de tres colleiteiras do Ribeiro, terá lugar o mércores, 5 de xuño. Ao día seguinte, será a quenda para os escumosos galegos que se fan en Galicia e, por último, o venres, 7 de xuño, será protagonista o tostado do Ribeiro "con adegas que elaboran esta xoia vexetal, unha bebida histórica", sinalou Juan Manuel Casares.

Tódalas mesas-faladoiro celebraranse no salón de actos do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, a partir das 19.30 horas e rematarán cunha cata comentada cos viños das adegas participantes.