Caudal Fest e Cantos na Maré súmanse a FEST Galicia

Acaba de presentarse en Santiago o calendario FEST Galicia 2019, que se desenvolverá entre xullo e setembro e que este ano aglutina 12 festivais por toda Galicia. O Caudal Fest e Cantos da Maré son as novas incorporacións a unha marca na que xa estaban PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. 

Na presentación da nova tempada estivo o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polas responsables do resto dos departamentos implicados de xeito transversal en FEST Galicia: Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático; e Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Asistiron, así mesmo, os representantes dos festivais adheridos á marca, en nome dos que interviron Kin Martínez, director de PortAmérica, e Luis Campos, Codirector de Sinsal.

Tras facer un balance moi positivo da primeira edición de FEST Galicia, cunha ampla e moi participativa resposta do público dos festivais ás diferentes accións impulsadas, Román Rodríguez asegurou que as 12 citas asociadas este ano son moi diferentes en canto a formatos e propostas musicais, “pero todas teñen en común a aposta pola calidade, a singularidade e a sustentabilidade, que son á súa vez tres das claves da marca”.

A través dela, os festivais obteñen un apoio económico adicional ás subvencións específicas que o Goberno galego convoca cada ano para eles. En concreto, como explicou o conselleiro, este ano a convocatoria de adhesión a Fest Galicia dotouse con 350.000 euros para contratos de patrocinio coas empresas organizadoras dos eventos.

Nesta contía inclúese a achega da Secretaría Xeral da Igualdade para as accións relacionadas coa difusión da súa campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual, á que fixo referencia Susana López Abella. Trátase de facer chegar as persoas asistentes aos festivais galegos material informativo de sensibilización e concienciación contra a violencia sexual e as agresións sexuais. López Abella quixo lembrar a o utilidade da aplicación Agresión OFF, unha ferramenta institucional, da Xunta de Galicia, con información útil e consellos para evitar e prever agresións sexuais, así como pautas para saber a onde dirixirse para maior apoio e información.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, salientou que o departamento de Medio Ambiente non se pode quedar á marxe deste tipo de eventos e apoia as medidas para a recuperación e a reciclaxe de residuos vinculados aos grandes eventos, en particular, aos festivais. Así, en colaboración coas entidades responsables da xestión de residuos, instálanse contedores para a separación dos residuos e desenvólvense actividades de concienciación.
Información para a mocidade