CaixaBank financiará melloras nos negocios do Camiño

A entidade financeira CaixaBank acaba de comprometerse a lanzar unha liña de financiación específica para os aloxamentos turísticos vinculado ao Camiño de Santiago que renoven os seus establecementos de cara á celebración do Xacobeo 2021. Articularase a través de Hotel&Tourism, a súa liña de negocio especializada no sector turístico, e porá 1000 millóns de euros a disposición das empresas turísticas que forman parte de todas as rutas do Camiño para contribuír así á mellora da súa actividade comercial.

A liña de financiación estará dividida en dúas partes. A primeira, dotada con 950 millóns de euros, permitirá impulsar e dinamizar o sector turístico e hoteleiro localizado nos diferentes Camiños de Santiago, co obxectivo de axilizar a súa posta a punto para a celebración do Xacobeo 21. Con esta liña de crédito asegúrase entre outros a financiación das necesidades de modernización da planta hoteleira, nun sector marcado pola permanente esixencia de renovación e aposta pola calidade.

A segunda será unha oferta de microcréditos que, a través de MicroBank, destinará 50 millóns de euros a favorecer o emprendemento en aquelas poboacións polas que discorre o Camiño, mediante a creación de novas empresas que atendan a demanda da ruta de peregrinación. Con este iniciativa preténdese fomentar novos negocios que amplíen e melloren a carteira de servizos dispoñible nos camiños, ao tempo que xeran emprego.


O compromiso de CaixaBank nace dun convenio que acaban de firmar co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que destacou o carácter “trascendental” deste “primeiro acordo logrado polo Goberno galego no marco do Plan de Patrocinios de proxectos que estamos desenvolvendo con diferentes empresas de cara ao Xacobeo 21”.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta agradeceu a CaixaBank a gran disposición mostrada desde o comezo para que este acordo frutificara e avanzou a súa confianza en seguir aportando novidades nesta liña de traballo. “É un acordo ambicioso en dimensións e investimento co que conseguiremos propiciar a modernización dos aloxamentos turísticos e dinamizar os territorios rurais polos que discorre o Camiño de Santiago”, declarou. Neste sentido, recordou que o vindeiro Ano Santo “é un elemento dinamizador da nosa economía e unha gran ocasión para poñer en valor o noso potencial turístico e cultural”. Así, puxo o foco na sustentabilidade, no “día despois”, con obxectivo de que o Xacobeo 21 “sexa un revulsivo que sirva para deixar unha Galicia máis preparada e unha oferta de máis calidade”.

Pola súa banda, Emilio Barreiro, director territorial de CaixaBank, destacou que a entidade quere acompañar ao sector do turismo galego para que poida afrontar “nas mellores condicións posibles” o reto que supón o Xacobeo 2021. “Galicia conta con empresas turísticas de gran nivel”, comentou, “pero un evento desta envergadura, que nos posicionará no centro da atención nacional e internacional, esixirá a súa mellor versión”. Barreiro indicou que “a través de CaixaBank Hotels & Tourism, ao marxe do financiamento preciso, poñeremos a disposición do sector un equipo de profesionais expertos que ofrecen un servizo de calidade e de proximidade”. Por último, expresou o seu desexo de que “os millóns de turistas que visiten Galicia no Xacobeo 2021 regresen as súas casas sorprendidos pola calidade dos seus establecementos, satisfeitos dos seus servizos e pensando en regresar cedo”.