As tropas romanas retoman hoxe Lucus Augusti

Hoxe pola noite as tropas romanas encabezas polo xeneral Cayo Antistio "O Vello" marcharán polo ponte romano de Lugo, retomando un ano máis a cidade que dominaron durante séculos baixo o nome de Lucus Augusti. 

O Arde Lucvs celebra dende hoxe ata o vindeiro domingo a edición coa que acada a maioría de idade, consolidada como festa de interese turístico nacional e con centos de miles de visitantes que a converten nun éxito total cada ano. 

En concreto, na pasada edición calcúlase que acudiron uns 600.000 visitantes e dende o concello esperan que este ano esta cifra poida incluso superarse cunha festa cunhas 400 actividades programadas. Canto menos, a ocupación hoteleira xa está rozando o 100%, segundo infromou o presidente da Asociación Provincial del Empresarios de Hostelería de Lugo, Cheché Real.

Lucus Augusti, destacada urbe que foi unha das capitais administrativas da antiga Gallaecia romana ten todo preparado para mergullarse no túnel do tempo para recrear aquela época, nun fenómeno máxico que se apodera de cada recuncho da cidade, transformándoa e enchéndoa de personaxes ancestrais que xa non deberían camiñar entre nós. Velaí está a maxia do Arde Lucvs, en retroceder no tempo para gozar daquel legado cultural e histórico en primeira persoa.