As rías galegas tamén producen en ecolóxico

A miúdo cando pensamos en produción ecolóxica a nosa mente vaise terra adentro, vénnos á cabeza leitugas e pementos, quizais polos e terneiros… Pero a produción ecolóxica é moito máis extensa, estamos ante un sector en crecemento no que os produtos procedentes do mar cada vez pesan máis: en 2018 representaron máis do 20% dos ingresos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), facturando case 17 millóns de euros grazas ao tirón dos produtores de mexillón e da extracción sostible de algas. 

En concreto, o mexillón ecolóxico facturou en 2018 máis de 4,1 millóns de euros, case 38 veces máis que cinco anos antes. Así o anunciou o presidente do Craega, Francisco López Valladares, durante un percorrido en barco pola Ría de Arousa, que concentra o 97% das 208 bateas amparadas polo consello regulador. “Desde que en 2010 saíron as primeiras 12 toneladas da ría de Arousa, o sector non deixou de medrar. O consumidor valora cada vez máis o ecolóxico, tanto por cuestións de saúde como de respecto ao medio ambiente”, argumentou López Valladares, aproveitando para desgranar factores diferenciales do produto acuícola ecolóxica como a calidade garantizada das augas, a trazabilidade ou a necesidade dun plan de xestión sostible. 

No mesmo sentido pronunciouse Juan Carlos Juncal, presidente da asociación de bateeiros San Amaro, os primeiros en certificarse como produtores ecolóxicos. Juncal reivindicou o “control de calidade que temos que facerlle ao produto dende a súa sembra ata a súa comercialización. Temos unha limitación de cantidade por batea máis severa que a da administración, un plan de mellora de eficiencia ecolóxica...ademais se por exemplo compras unha lata de mexillón ecolóxica sabes que leva tamén aceite ecolóxico e vinagre ecolóxico”. 

O outro produto que tira da produción ecolóxica acuícola neste momento son as algas, que se achegaron ao millón de euros de vendas durante 2018, principalmente fóra das nosas fronteiras. Un produto nutricionalmente moi completo, que cada vez se demanda máis, aínda que como explicou Antonio Muíños da empresa produtora Porto-Muíños “falta moito educar á xente en como cociñar as algas. Moita xente pensa que está ligada á cociña francesa, pero hoxendía xa se está rompendo este molde facendo empanada de algas, tortilla, ensalada… O coñecemento que está adquirindo o consumidor fai que vaia a máis, aínda que a un ritmo lento”. 

SEGUNDA SEDE DO CRAEGA

Para dar visibilidade ao peso que vén adquirindo a acuicultura ecolóxica nos últimos anos, o Craega celebrou este venres o seu primeiro pleno á beira do mar, no pazo de Vista Real. Foi despois de realizar o percorrido en catamarán pola ría e de xantar coa conselleira do ramo, Rosa Quintana, na localidade arousá. 

O encontrou serviu para aprobar a posta en marcha da segunda sede do Consello en Boqueixón. Extensión das oficinas que desde 1997 funcionan en Monforte de Lemos. As novas dependencias estarán nas instalacións que a Xunta lle cede á entidade no pazo de Sergude, edificio no que xa comparten teito outros consellos reguladores. Para abrir o novo servizo, o Consello contratará a dous técnicos que centrarán a súa actividade nas provincias atlánticas.