As razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción presentes en Salimat

O 23º salón de alimentación Salimat Abanca e a 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, os cales se celebran de forma paralela entre o 6 e o 9 de xuño, contarán cun completo programa centrado nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. 

Nesta programación, que se enmarca no convenio entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Semana Verde de Galicia, realizaranse por primeira vez, no marco de Salimat Abanca, distintas presentacións de marcas comerciais de varios produtoreS. O seu obxectivo é diferenciarse e impulsar o crecemento das súas explotacións a través dunha imaxe de marca individualizada e máis profesional. 

Así, Cachenas de Pantón presentará a súa cunha degustación de Cachena guisada, Jamones González con presa de Porco Celta Eco á antiga cociñada por Pablo Pardo, O Agro con minihamburguesas 100% Caldelá, A Granxa de Lola cunha elaboración do Chef Álex do restaurante Muiñada de Barosa, Embutidos Hermelindo con cabeza de Porco Celta rechea de verduras da horta de Mondoñedo elaborada por Bruno Pena, Gandería Tras do Río presentando as súas Cachenas, Galiñas de Mos e Cabalo Galego, Tres Fuciños cun showcooking de man de Fran Sotelino, Granxa Aeiroá destacando a súa “produción artesá con respecto e orgullo polo noso”, Cachenas de San Breixo co seu “pracer polo natural”, Chousa do Lea cunha degustación de ovos de Galiña de Mos sobre cremoso de tubérculo e raiadura de fungos e Pastos do Enxilde coas runhas da Costa da Morte, hamburguesas de xamón de Porco Celta con fariña de castaña. 

Tapirazas e “De Nós para Vós” 

O público tamén poderá degustar as razas a través dun menú de catro tapas que variará cada día e que incluirá elaboracións tan atractiva como Carbonara Flamande de tenreira das razas Cachena e Vianesa, albóndegas 100% tenreira de Frieiresa, croquetas de ovos fritidos de raza Galiña de Mos con chourizo de Porco Celta ou minihamburguesas 100% cordeiro de Ovella Galega con salsa de castaña. Será no restaurante Tapirazas, no cal Boaga e o cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel – Fragas do Eume, poñerán en valor as excelencias culinarias e sensoriais destas razas. 

Así mesmo, o salón contará de novo co espazo “De Nós para Vós”, centrado na venda dos produtos das autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Catorce produtores presentarán carne e produtos derivados. Será coas marcas Ganadería Balín, Cachenas de Pantón, Cachenas de San Breixo, Gandería e Carnicería Lage, Gandería Tras do Río, Castro de Madrosende, Aves do Concello, Chousa do Lea, Gacarli, Granxa Aeiroá, A Granxa de Lola, Cruz Grille, Granxa Teixeiro e Pistón e tamén O Agro.