Ana Belén |
O das Festas de Peregrina en Pontevedra é un programa elaborado "con moito cariño", con moita variedade musical e concertos para todos os gustos e público. Así será a oferta deste 2019 na semana grande da Cidade do Lérez, segundo anunciou a concelleira de festexos, Carme da Silva.
Abre escenario, o sábado 10 de agosto, a mítica banda de rock Tequila, formada por Ariel Rot e Alejo Stivel, que inclúen así a Pontevedra na súa xira de despedida. Estarán acompañados sobre o escenario polo grupo local, Fondo Norte.
Ana Belén, unha das grandes da música española, subirá ao escenario da Praza de España o domingo 11 de agosto. Presentará en directo os temas do seu álbum Vida, o seu primeiro disco con temas inéditos en once anos.
O luns 12 de agosto, música electrónica, co concerto Máxima In Sessions, que contará con José Manuel Duro, Ramsés López, Arturo Grao e Pablo Méndez Perfomances.
O martes 13 de agosto, xunto con Rozalén que actuará na Praza de España, estrearase o escenario da Ferrería con Broken Peach, unha banda viguesa de rock e soul.
O público infantil terá o seu momento de gloria o mércores 14, día da batalla de flores, e Shrek, o musical, un espectáculo, segundo Da Silva, que adapta esta coñecida historia a situacións propias de Galicia. E na Ferrería actuará o músico galego Fredi Leis.
Sesión dobre tamén para o xoves 15, festividade de Santa María, que ofrecerá un concerto da banda pontevedresa Furious Monkey House e un espectáculo que, destacou a edil de Festas, é dos que o público non se pode perder. Cincuenta músicos galegos, baixo o nome de Mitic, uniranse para reinterpretar música clásica con instrumentación tradicional.
Aos concertos de Iván Ferreiro (16 de agosto) e Beret (17 de agosto), uniranse na Ferrería as actuacións de Xosé Lois Romero & Aliboria e a Banda Xagai, respectivamente. O broche ás Festas da Peregrina porao Lola Índigo, a artista, xurdida de OT 2017.