As Cidades Patrimonio da Humanidade reivindican a súa proxección internacional

A asociación formada polas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España vén de reunirse para facer balance do seu traballo durante os últimos catro anos, reivindicando o traballo de promoción internacional levado a cabo por un grupo no que se atopa Santiago de Compostela.

O presidente do Grupo e alcalde en funcións de Cuenca, Ángel Mariscal, destacou que "debemos sentirnos orgullosos do labor realizado e da situación na que deixamos o Grupo. Dezaoito asembleas, unha vintena de comisións executivas, máis de sesenta reunións das comisións informativas de Turismo, Patrimonio e Cultura que fixeron do Grupo unha institución máis forte, visible, quizais no seu mellor momento tras 26 anos de andaina, cunha grande estabilidade económica, ben posicionado a nivel nacional e internacional". 

Entre os principais logros, Mariscal subliñou que "podemos dicir con orgullo que somos hoxe un exemplo en España de como se pode traballar e aprender xuntos, cun obxectivo común, sumando e axuntando vontades. E este consenso foi posible non só entre nós, destacando o papel do Goberno de España, a través dos ministerios con competencia en Cultura e Turismo, senón tamén incorporando no proxecto a numerosas entidades privadas e colectivos de España, Europa e Iberoamérica".

A internacionalización do Grupo neste período foi un dos éxitos destacados do mandato, en foros tan importantes como Nacións Unidas en Xenebra, en 2016, ou no encontro coa directora xeral da UNESCO, Audrey Auzelay, con motivo do 25 aniversario do Grupo, en 2018. Segundo Mariscal, "o recoñecemento da directora xeral da Unesco ao Grupo e a súa invitación para compartir as nosas boas prácticas como exemplo no ámbito europeo e iberoamericano, foron un bo froito da viaxe a París".

Entre os fitos da lexislatura tamén figura que o Grupo conseguiu en 2015 que o foro que reunía por primeira vez a asociacións europeas de Patrimonio Mundial tivese continuidade en Segovia, con sucesivas edicións en Lubek (Alemaña), Noto (Italia) e proximamente, de novo en España, en Eivissa/Ibiza, en novembro deste ano. O presidente considera imprescindible continuar "a tarefa que estamos a liderar dende hai dous anos, xunto con outras entidades de Alemaña, Francia, Italia e Reino Unido, para aproveitar sinerxias e alcanzar mellor os obxectivos ante os organismos europeos, poñendo as bases dunha rede que reúna ás máis significativas asociacións de bens Patrimonio Mundial".

A visibilidade das 15 Cidades Patrimonio en todo o mundo aumentou de forma considerable neste período: "O Grupo está considerado por Turespaña como o seu máis importante Club de Produto, estandarte da imaxe da España cultural e patrimonial, e por iso, da man da Secretaría de Estado de Turismo, fomos os embaixadores de España en Estados Unidos, Canadá, Brasil, Arxentina, Perú, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Suíza, Polonia, Rusia, República Checa, Serbia, Hungría, China, India, Corea do Sur, Xapón, Filipinas e Singapur. Tivemos o privilexio de que as embaixadas e consulados de España nos abriran as súas portas para dar a coñecer alí nosas 15 cidades a turopeadores e medios de comunicación".

Para a próxima lexislatura, Mariscal sinalou que "durante a visita ao comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsics, reivindicamos o peso que o Patrimonio Mundial debe ter nas políticas da Unión Europea e o papel que España pode asumir como portavoz das entidades que o xestionan. Por iso, a constitución dun grupo de traballo específico dentro da Asemblea que sexa interlocutor e ligazón coa Comisión Europea, é unha tarefa que deixamos para os nosos sucesores".