
Trátase dun cabalo paticurto, barrigudo, marrón, con moito pelo e con coxas máis estilizadas para andar entre as toxeiras. Igualmente, a súa alimentación dotouno de bigotes para amortiguar os pinchos do toxo.
Na primavera as eguas paren os poldros que podemos ver nas mandas e axiña empezarán os curros, costume de marcar os cabalos salvaxes no sur de Galicia.
Galicia pode e debería presumir de ser o fogar do seguramente o único cabalo salvaxe que queda en Europa e, probablemente, no mundo. Un cabalo que leva con nós desde o Pleistoceno, un símbolo da nosa cultura e identidade, un dos valores naturais máis importantes de Galicia e un patrimonio que non se pode perder.