A igrexa da Santísima Trinidade comeza a súa restauracón

O vindeiro luns comezarán as obras de restauración da ourensana igrexa da Santísima Trinidade, traballos cun orzamento que supera os 360.000 euros e que en principio rematarán este mesmo ano. 

Está prevista unha renovación no sistema de cubertas e da rede de evacuación de pluviais, así como a consolidación da bóveda de barotillo da nave. De forma paralela tamén se limpará a fachada do templo, restauraranse os elementos de cestería, repoñeranse os rexuntados deteriorados, drenaranse os muros en contacto co terreo e sanearanse os parámetros interiores. Por último, instalarase un novo pavimento de madeira, renovarase a instalación eléctrica e porase en marcha a protección contra incendios.

A posta en marcha destas obras ven precedida da sinatura dun convenio de colaboración entre a Diócese de Ourense e a Xunta para poñer a disposición do Goberno galego os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración do espazo. A igrexa, orixinaria dos séculos XII e XIII –aínda que reformada nos séculos XV e XVI– conta cunha fachada con tripla arquivolta de arcos apuntados.
O exterior do templo está coroado por unha crestería gótico-flamíxera e os contrafortes e torreóns cilíndricos reforzan o seu aspecto de fortaleza medieval. O interior presenta unha planta basilical e a súa capela maior cóbrese cunha bóveda. A porta de entrada do atrio pertencía ao primitivo hospital de San Roque, de época renacentista e o cruceiro é da época plateresca.

O conxunto foi visitado este xoves polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e polo alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez.