A Carballeira de Zas volve con Susana Seivane como prato forte

Este martes foi presentada a 36º Edición da Carballeira de Zas, cita obrigada para todos os amantes do folk que se celebra na primeira fin de semana de agosto (venres 2 e sábado 3) coa gaiteira Susana Seivane como prato forte, acompañada doutros moitos artistas galegos como Perfusión, que abrirá a festa, as pandereteiras Tanxugueiras, Dakidarria ou Monoulious Dop. Ademais, o festival volverá a ofrecer a posibilidade de gozar de recoñecidos grupos do ámbito nacional, como os vascos Korrontxi e internacional, coa banda bretona Celtic Social Club e os irlandeses Fourth Moon.

Rematarán a festa, o sábado de madrugada, o grupo escocés Tide Lines e o galego Baiuca. A clásica sesión vermú da Carballeira ofrecerá as actuacións de Os Farrapos, Fourth Moon, Vudú e unha regueifa con Lupe Blanco e Alba María. 

Unha completa selección que segundo destacou durante a presentación a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, artella un festival que é "música e natureza, encontro e festa... unha cita ineludíble do verán que é a época dos festivais, esas plataformas de difusión cultural cos que nos comprometemos desde a Deputación da Coruña".

Unha das novidades máis importante este ano será o acordo solidario ao que chegaron a organización do Festival coa Fundación Íntegro, Asociación de persoas con diversidade funcional das bisbarras de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. De cada entrada mercada online doarase 1€ á asociación.