Xantar de confraternización dos Consellos Reguladores

No Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela vaise celebrar o xantar de confraternización que celebran os Consellos Reguladores das Indicacións Xeográficas e das Denominacións de Orixe Protexidas de Galicia, cos obxectivos de  son compartir experiencias, disfrutar dunha boa mesa con selo de calidade galego, por en valor os produtos e destacar a gran labor que realizan para o rural galego.

A cita terá lugar o vindeiro venres 3 de maio, a partir das 14 horas, nesta ocasión organizada pola IXP Mel de Galicia. Neste xantar estarán representados todos os produtos de calidade con DOP e IXP galegos. 

O evento contará coa asistencia do Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Silvestre José Balseiros Guinarte; e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez Vázquez. Cabe destacar a importancia destes produtos con marchamo de calidade: xeran riqueza no medio rural galego, fomentan o asentamento da poboación e garántelles un futuro sostible. Non podemos esquecer que o labor desempeñado por estes Consellos Reguladores está a contribuír de xeito decisivo na xeración de valor no sector primario galego e impedindo, ao mesmo tempo, a despoboación do rural. 

Os números falan por si sós, pois estamos ante unha cifra de negocio que superou os 500 millóns de euros no anterior exercicio. Esta actividade xera máis de 62.000 postos de traballo directo, repartidos no rural galego entre 26.600 familias. Os operadores agroalimentarios, amparados nas enominacións de Calidade, son conscientes de que herdaron un tesouro e deben preservalo e engrandecelo para transmitilo ás xeracións vindeiras. Deste xeito, poderase seguir vivindo no rural e do rural.