Vilatuxe volta ás súas orixes coa recreación dos Carballiños

A Feira do Carballiños, que este ano acada a novena edición, celebrarase o domingo 12 de maio en Vilatuxe, de xeito ininterrumpido dende as dez da mañá ata as oito da tarde. Á súa singularidade únese o feito de estar organizada por unha asociación de veciños, a de Vilatuxe, que preside o empresario local Gerardo López, o que lle outorga maior mérito.

Trátase da recreación dunha feira tradicional que comezou a celebrarse nesta parroquia lalinense nos albores do século pasado, segundo a documentación existente, concretamente o 8 de outubro de 1916, tal e como recolle a historiadora dezá, Cecilia Doporto.

Aquela feira celebrouse o día 8 de cada mes de xeito ininterrumpido ata a etapa do réxime franquista,
acadando unha grande notoriedade como encontro comercial nunha zona próspera atravesada polo Camiño dos Arrieiros.

Trátase dunha recreación histórica que amosa o que foi a feira na súa orixe, coa trata do gando, rosquilleiras, pulpeiros, charlatáns, títeres, afiadores, ferradores, postos de alimentación, o carro dos arrieiros cos pipotes de viño, autobuses de época, música e un sinfín de actividades e propostas nuha xornada na que Vilatuxe volta ás súas orixes.

Na recreación estrela dos Carballiños non pode faltar a pólvora nin os episodios dramáticos protagonizados polos ladróns, as pelexas entre os traquillóns, coa benemérita, fusil en man, velando pola seguridade dos asistentes á feira.

Así pois, a Feira dos Carballiños, de interese etnográfico e cultural, está ambientada na década dos 60-70 do pasado século. Por esta razón, a organización premiará aos que vaian vestidos de época coa entrega de rifas para o sorteo dunha cea e a estadía dunha noite para dúas persoas nun establecemento de Turismo Rural.

No ano 2011 a Asociación de Veciños decidiu recuperar a Feira dos Carballiños e contribuir así á dinamización do turismo da Comarca do Deza, nunha época (maio) na que a afluencia de xente diminúe con respeto aos primeiros compases do ano debido ao tirón do mes do cocido naquelas datas.

En definitiva, unha nova edición que ninguén se pode perder pois contará con novidades e un intenso 
programa de actividades que convertirá a estadía en Vilatuxe nunha xornada inesquecible.