Un novo plan de xestión apoiará a candidatura da Ribeira Sacra ao Patrimonio mundial

A candidatura da Ribeira Sacra para incribirse como paisaxe cultural na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO apoiarase nun novo Plan de Xestión oficial, que será próximamente licitado e que coordinará todos os investimentos e actuacións no territorio. 

O Plan Ribeira Sacra foi presentado no Parlamento de Galicia polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurando que supón “unha verdadeira oportunidade para a protección, a mellora continua e a promoción” deste territorio e será “a mostra do noso compromiso na conservación e difusión desta paisaxe cultural”, servindo para “coordinar os investimentos e as actuacións desenvoltas polos diferentes axentes do territorio”. No marco do mesmo está previsto desenvolver medidas concretas orientadas a conservar o valor universal excepcional desta contorna e promoverase a difusión dos seus valores dentro e fóra da zona, para que en 2021 poidamos celebrar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade.

Por outra banda, o conselleiro lembrou os sucesivos pasos dados desde o Goberno autonómico para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da paisaxe cultural da Ribeira Sacra no prazo máis curto posible e co máximo rigor; afirmando que, se ben con esta se acredita o seu valor sobranceiro e se garante o máximo nivel de protección patrimonial que pode acadar un ben cultural, non se acada “a meta final”, senón que se dá “un paso máis no longo camiño do coidado e protección da Ribeira Sacra, e a súa declaración Patrimonio Mundial da Humanidade.”

Román Rodríguez apuntou o investimento de máis de 1,8 millóns de euros durante 2018, dirixidos á restauración e conservación do patrimonio cultural, a actividades de promoción turística da Ribeira Sacra e o coidado e sinalización do Camiño de Inverno. Un esforzo inversor que continúa ao longo de 2019, no que xa foron executados ou se executaran 1,7 millóns de euros, licitándose actuacións de conservación por valor de máis de 700.000.
Amplo consenso e recoñecemento

O conselleiro lembrou as especificidades desta declaración, que resultou novidosa e incomparable con calquera outra que se tivese realizado con antelación tanto en Galicia como no resto do Estado e subliñou a busca do máximo consenso posible durante o proceso. “Mantivéronse reunións con todos os actores do territorio”, lembrou Rodríguez.